BREVE HISTORIA DA RECICLAXE

O lixo é tan antigo como a historia da Humanidade. A capacidade de reciclar e reutilizar foi constante durante toda a historia. Coas primeiras sociedades humanas reutilízanse desperdicios da caza para extraer pezas coas que vestirse e ósos para usar como ferrameta.

A aparición das primeiras cidades trae consigo o problema da xeración de refugallos. Atenas no III século antes da nosa era, contaba cun vertedoiro municipal. O Imperio Romano será o gran xestor. Dispoñían de podredoiros para a materia orgánica e trituraban restos de cerámica para construír calzadas.

O Lugo romano dispoñía de traída de auga e sumidoiro para as augas residuais. Os oleiros tiñan vertedoiros propios onde xestionar o seu lixo.

Europa terá que agardar até o século XIX para contar con políticas de xestión de refugallos á altura dos antigos romanos. Darase o  paradoxo de que nesta época, a raíz da revolución industrial, a proliferación do lixo aumenta.

Será na década de 1960 cando se tome conciencia sobre a reciclaxe ante os problemas derivados do lixo producido pola sociedade de consumo.