O CICLO DO LIXO / ANTES DO LIXO

Antes de que as cousas se convertan en refugallos e cheguen aos colectores do lixo, percorren un longo camiño que deberiamos  coñecer.

A ruta empeza nos recursos naturais onde se extraen as materias primas necesarias para a industria, que transforma as materias en produtos elaborados listos para comercializar.

A responsabilidade ambiental derivada da extracción e transformación dos recursos naturais en produtos elaborados corresponde á industria. Detrás de cada cousa que mercamos está o lixo xerado na súa cadea de produción. A responsabilidade do consumidor empeza na conciencia crítica valorando emisión en produción, transporte e depredación de recursos.

Como consumidores xeramos lixo. Mercamos, tiramos os envoltorios e logo os produtos culminan a súa vida útil e convértense en refugallo.

Os niveis de reciclaxe actuais non chegan para evitar a depredación da natureza. Se todos os habitantes do mundo consumisen ao nivel que o facemos os occidentais serían necesarios cinco planetas para a obtención de recursos.

Os recursos naturais son finitos. Estamos educados para consumir e xerar lixo. Só un consumo responsable, mercando o que necesitamos, pode minimizar o impacto que producimos no medio ambiente.

O CICLO DO LIXO / LIXO, O NOSO RECURSO

O lixo son esas cousas que non serven e tiramos. O cartón do leite despois de usalo e a varredura da casa son lixo. Antes de tirar nada pensade se aínda vale. Vale para algo? Non é lixo. Non vale? É lixo.

Cando producimos lixo na casa debemos separalo de forma selectiva na bolsa que lle corresponde. A separación é o primeiro paso para converter o lixo nun novo recurso.

Os REFUGALLOS ORGÁNICOS veñen de seres vivos e son biodegradables.
Deles pode obterse biogás, abono ou combustible derivado de refugallos

As LATAS fanse a partir do aluminio ou da lata (lámina de ferro bañada en estaño). O aluminio pode recuperarse totalmente na reciclaxe, cun custo enerxético moi baixo.

Os PLÁSTICOS derivan do petróleo.
Sepáranse por calidades e composición. Os envases de plástico son fáciles de recuperar. As bolsas e envoltorios son de difícil reciclaxe.

O VIDRO obtense a partir da fundición a altas temperaturas de area de cuarzo, sosa e cal. O resultado do enfriamento é o vidro. É un material facilmente reciclable.

Os ELECTRODOMÉSTICOS son eses aparellos eléctricos que nos facilitan a vida cotiá. Están fabricados con diferentes materiais. Por iso, a súa reciclaxe consiste en separar metais, cristais, plásticos e compoñentes perigosos para o medio, para tratar cada parte por separado.

O PAPEL e o CARTÓN elabóranse a partir da celulosa, un composto de orixe vexetal. A taxa de reciclaxe é moi alta. O uso de papel e cartón reciclado contribúe a atenuar a depredación de recursos enerxéticos e a un aforro de enerxía.

O CICLO DO LIXO / SEPARANDO OS RECURSOS

O lixo debemos separalo para depositalo nos colectores selectivos de recollida. Este paso é moi importante, pois desde os colectores será trasladado para a súa reciclaxe. Se non fas ben este proceso o lixo acabará no lugar equivocado e será moito máis difícil reciclalo.

Para facelo ben, deberías ter na casa caldeiros do lixo con diferentes compartimentos para separar correctamente.

COLECTOR VERDE
Aquí depositamos os restos orgánicos e basura en xeral

Lembra que se tes horta ou xardín, cos restos orgánicos podes facer compost ecolóxico. Non só aforrarás os cartos de mercar fertilizante, tamén lle aforrarás ao medio ambiente a contaminación provocada polo transporte e traslado do lixo.

COLECTOR AMARELO
Botamos só os envases de plástico, latas e briks

IGLÚ VERDE
Aquí depositamos únicamente o vidro

Lembra: O cristal (vasos, lámpadas, etc) non debe ir neste colector. O cristal é un vidro de alta calidade que contén óxido de chumbo. Por iso debe ir no colector xenérico verde ou no punto limpo.

COLECTOR AZUL
Aquí depositamos papel e cartón usado

O CICLO DO LIXO / A XESTIÓN

O lixo unha vez nos colectores é transportado a plantas de tratamento para a súa reciclaxe. Hai tres modelos de xestión.
Nestes modelos o plástico, o vidro, o cartón e os puntos limpos seguen o camiño da reciclaxe.
A diferenza está na fracción orgánica. Lousame produce compost. Nostián no proceso de compostaxe obtén metano.
Sogama elabora combustible para xerar enerxía eléctrica.

A xestión de refugallos está lonxe de ser positiva. No 2009 máis da metade do lixo chegado ás plantas de Sogama e Nostián acabou nos vertedoiros, en constraste coa media europea, onde só un terzo do lixo era vertido.
Os modelos son discutibles e hai opinións diversas. O que si é innegable é que unha correcta separación do lixo desde as nosas casas aumentaría a taxa de éxito na reciclaxe.

Ollade estes datos de 2014.

Chamamos impropios aos refugallos mal clasificados nos colectores selectivos. Estes refugallos mal clasificados teñen moitas probabilidades para non chegar a reciclarse.

O CICLO DO LIXO / O NOSO MODELO

Os refugallos do COLECTOR AMARELO chegan ás máquinas de cribado por tamaño. A folla de lata é capturada por electroimáns. Os briks selecciónanse por lectores ópticos e o alumnio sepárase nun tambor de campo magnético. Finalmente os plásticos sepáranse, por un lado os poliestilenos e polo outro todos os demais.
Cando culmina este proceso o material prénsase para ser enviado ás plantas de reciclaxe onde serán tratados para cobrar vida de novo.

O contido do COLECTOR VERDE composto de refugallos non reciclables e materia orgánica deposítase en moegas de descarga. Sécase e tritúrase para conseguir Combustible Derivado de Refugallos. Este combustible quéimase para alimentar unha planta termoeléctrica.
O resultado é a xeración de enerxía eléctrica.
As cinzas e escouras producidas no proceso van para o vertedoiro.