A ECOescola DAS CAMPEIRAS

UN INMOBLE CON HISTORIA

O edificio que alberga a EcoEscola das Campeiras foi construído na década do 1960 nun solar de propiedade municipal. Atendía á configuración escolar das primeiras escolas unitarias rurais, á que acudían nenos e nenas de entre 6 e 12 anos deste barrio pontés. Eran centros mixtos, cun só mestre e cuns recursos mínimos.

No caso das Pontes son contemporáneas desta escola, as unitarias do Deveso, Ribadeume, Bermui, O Freixo, Gondré, Goente, Saa, A Cruz, Espiñaredo, Marraxón, A Faeira, Somede e O Seixo.

Logo dos cambios impulsados pola lei de 1970, as escolas unitarias loitarían por sobrevivir, como un instrumento, ás veces fundamental, para fixar poboación nos núcleos rurais. É neste momento cando a escola das Campeiras deixa de ter un uso educativo e pasan a ocupar as súas instalacións o Grupo Xuvenil de As Pontes,  concretamente no ano 1978. Esta asociación pontesa precursora do asociacionismo local, desenvolveu nestas instalacións numerosas iniciativas dirixidas á mocidade: danza, gaita, percusión, espeleoloxía, tempo libre, aeromodelismo, piragüismo, etc. Na cerna desta asociación nace tamén a inquedanza por organizar a primeira cabalgata de entroido no ano 1979 e retómase ademais a organización da cabalgata de Reis.

É tamén nesta época cando o inmoble acolle tódolos domingos a catequese dirixida a nenos e nenas do barrio das Campeiras, da man da filántropa local Pilar Silva.

No ano 1980 o Grupo Xuvenil rehabilita as instalacións da antiga escola unitaria das Campeiras, solicitando que se impartise educación preescolar nas súas instalacións, converténdose en aula de preescolar do Colexio Público A Madalena, iniciándose a actividade lectiva no curso escolar 1981-1982 co mestre Emilio Fresco.

Durante a década de 1990 o edificio entra nun novo período de abandono e non é ata decembro de 1996 cando a Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista (ASPANAES) se instala no edificio desenvolvendo todo tipo de actividades ata setembro de 2008.

Xa no ano 2013 o Concello das Pontes aproba a rehabilitación da escola grazas a un fondo da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia, co obxectivo de transformar o espazo nunha escola da reciclaxe, con dous obxectivos principais: fomentar a preocupación pola reciclaxe mediante a intensificación das accións formativas e fomentar o aforro no tratamento de refugallos sólidos do municipio.