OS 3 RS / REDUCE

Deste xeito, a finalidade é diminuír o gasto en auga, materias primas, bens de consumo, así como as emisións de CO2 á atmosfera e o consumo de enerxía tanto a destinada á creación dun produto como ao seu transporte e distribución.

Como o facemos?

  • Mercando produtos locais, co que ademais de contribuír ao desenvolvemento da economía que nos rodea, evítanse excesos de embalaxes e emisións de CO2 producidas nos transportes de distancias longas.
  • Acostumándonos a adquirir produtos sen empaquetar, rexeitando aqueles que veñan, por exemplo, en bandexas de plástico.
  • Escollendo materiais reutilizables e con recambio, e rexeitando hábitos nocivos como o de “usar e tirar”.

OS 3 RS / REUTILIZA

Reutilizar significa alongar a vida de cada produto dende que se compra ata cando se tira, utilizando un produto tantas veces como sexa posible antes de convertelo nun refugallo. A reutilización tamén se aplica a recursos naturais. Por exemplo, a auga que nos sobra despois de beber, podémola destinar a regar as plantas ou fregar o chan.

Como o facemos?

  • Evitando vasos, pratos ou cuncas dun só uso, escollendo aqueles que sexan de louza ou cristal.
  • Adquirindo produtos de segunda man, alongando a vida útil dos mesmos.
  • Levando da casa unha bolsa para ir mercar, evitando así o consumo de bolsas de plástico cada vez que acudimos á compra.
  • Dándolle unha nova vida aos produtos: botes de cristal, caixas ou frascos de PVC, metal ou plástico, pintando esa cadeira vella, doando libros, aparellos eléctricos, roupa, mobles, etc.

OS 3 RS / RECICLA

A nivel individual, está na nosa man seleccionar e separar os refugallos que xeramos no fogar, segregando os refugallos en orixe por tipoloxías e depositándoos nos colectores específicos para facilitar a súa posterior reciclaxe.

Como o facemos?

  • Depositando envases de plástico, latas e briks no colector amarelo.
  • Introducindo papel e cartón no colector azul.
  • Utilizando o iglú verde para depositar botellas, frascos e tarros de vidro.
  • Trasladando refugallos perigosos, mobles, colchóns, equipos electrónicos ou electrodomésticos aos Puntos Limpos.
  • Depositando as pilas nos colectores específicos.
  • Achegando o resto de materiais que non teñen cabida nos colectores de recollida selectiva ao colector xenérico.