| OS NOSOS REFUGALLOS

CADA PERSOA XERA AO DÍA

1Kg. de lixo
(365 Kg. de lixo ao ano)

Os refugallos que xeramos a diario van parar na súa maioría a vertedoiros e incineradoras, polo que é importante Reciclar, Reducir e Reutilizar.

Hai refugallos que polo seu volume, perigosidade ou materiais dos que están feitos non podemos separar e deben depositarse no Punto Limpo, son os que chamamos Fracción Resto.

Os refugallos que xeramos no día a día no noso fogar que si podemos separar son os Refugallos Domésticos, e que imos ver a continuación un por un.

| BIORRESIDUOS

COMPOSTANDO PODEMOS OBTER

1OO Kg.
de biorresiduos

arrow_02
30 Kg.
de abono orgánico

Os biorresiduos son restos orgánicos de orixe vexetal ou animal que se degradan bioloxicamente, que obtemos tanto na cociña como na horta e no xardín.

No canto de tirar os biorresiduos ao colector do lixo podemos aproveitalos para facer compost, que é un abono orgánico co que estaremos devolvéndolle á terra unha parte do que nos deu.

Para fabricar compost, precisaremos unha composteira onde botaremos mondas da froita, borlas do café, restos de poda, follas, malas herbas, etc.

| ENVASES LIXEIROS

UNHA BOTELLA DE
PLÁSTICO NECESITA
700 ANOS PARA
DESCOMPOÑERSE POR
COMPLETO

Os envases lixeiros son os produtos que se utilizan para conter, protexer e preservar todo tipo de mercadorías, normalmente feitos de plástico, celulosa, metal ou aluminio.
Tódolos plásticos prodúcense a partir do petróleo, un recurso moi contaminante e escaso. Se consumimos plásticos estamos colaborando no esgotamento dun recurso non renovable e potenciando a contaminación que orixina a súa obtención.

O plástico de uso máis común é o PVC. A súa fabricación produce moita contaminación e se finalmente chega ás incineradoras, produce dúas das substancias máis tóxicas do planeta: as dioxinas e os furanos.

| PAPEL E CARTÓN

Aínda que o papel e o cartón son doados de reciclar, a súa demanda medra ano tras ano para o que se precisa talar millóns de árbores en todo o planeta. Ademais a plantación masiva de árbores de rápido crecemento para satisfacer a industria papeleira, fai que os incendios forestais sexan cada vez máis devastadores.

Debemos poñer atención tamén no tipo de papel que consumimos, pois non todo o papel é reciclable, como o papel plastificado ou o autocolante.

| VIDRO

CALCÚLASE QUE
UNHA BOTELLA DE
VIDRO PODERÍA SER
REUTILIZADA ENTRE
40 E 50 VECES

Os envases de vidro pódense reciclar ao 100% pero non debemos esquencer que na súa reciclaxe gástase moita enerxía e contamínase, polo que se os reutilizamos estaremos contribuíndo a mellorar a pegada ecolóxica do noso planeta.

É necesario retomar prácticas dos nosos avós e avoas, que tiñan que devolver os cascos das botellas que mercaban ou pagar polas botellas que non retornasen.

| APARELLOS ELÉCTRICOS E ELECTRÓNICOS

Grandes e pequenos electrodomésticos, equipos de informática e telecomunicacións, ferramentas eléctricas e electrónicas, xoguetes e equipos deportivos. Cando estes aparellos son desbotados convírtense en refugallos moi contaminantes. A maior parte deles conteñen substancias moi nocivas para a saúde e o medio ambiente como bromo, cadmio, fósforo ou mercurio.

Sábese que o fósforo que contén un televisor pode contaminar ata 80.000 litros de auga ou que un frigorífico mal reciclado emite á atmósfera gases de efecto invernadeiro equivalentes ás emisións dun vehículo en 15.000 quilómetros.

Debemos mercar só os necesarios e antes de levalos ao punto limpo, preguntar aos nosos parentes e amizades por se os puidesen precisar e darlles unha segunda oportunidade.

EN ESPAÑA
MERCAMOS
CADA ANO
567.000.000 Kg.
DE NOVOS
APARELLOS

| PILAS E BATERÍAS

UNHA PILA DE BOTÓN
PODE CONTAMINAR
600.000 L. DE AUGA
UNHA PILA ALCALINA
PODE CONTAMINAR
167.000 L. DE AUGA

Dende a súa invención no ano 1775, este pequeno acumulador de enerxía presenta un elevado poder contaminante, debido ao mercurio e outros metais pesados que contén. Ademais o seu proceso de contaminación pode ser longo, ata 500 anos.

Unha boa solución se temos que usar pilas é empregar as recargables, e cando rematen a súa vida útil depositalas nos colectores de cor vermella para o seu tratamento.

| TEXTIL E CALZADO

PARA CULTIVAR O
ALGODÓN DUNHA
CAMISETA QUE SÓ
USAREMOS 3 ANOS FAN
FALTA 3.000 L. DE AUGA

As modas e os baixos prezos fan que merquemos entre 7 e 10 quilos de roupa, da que só se recicla 0,5 kg. cando a tiramos sen apenas darlle uso.

Do total de roupa que tiramos só un 37% vai para reciclar, un 42% destínase a mercados de países pobres, un 15% véndese en mercados de segunda man en España e o 6% restante remata no vertedoiro.

O proceso de reciclaxe realízase en máquinas que trituran a roupa, transformándoa en tecidos que se empregan na industria do automóvil, na construción como illantes térmicos, ou para fabricar novas prendas de roupa.

| MENCIÑAS

QUÉN NON TEN
NA SÚA CASA
UN ARMARIO OU
CAIXÓN ATEIGADO
DE MENCIÑAS
CADUCADAS QUE
XA NON USA?

Dende hai uns anos nas farmacias de toda España existen os coñecidos como puntos SIGRE (Sistema Integrado de Gestión de Residuos de Medicamentos y Envases). Neles deberás depositar todas as menciñas que xa non uses ou que estén caducadas, as caixas das que consumiches, os envases baleiros ou con restos.

É importante non depositar agullas, termómetros, gasas, produtos químicos, radiografías ou pilas. Os envases baleiros ou con restos tamén se poden reciclar no punto da farmacia porque, ao ter contacto con menciñas, tamén precisan dun coidado especial.

| ACEITES DE COCIÑA

1LITRO
DE ACEITE
USADO

PODE CONTAMINAR

1000 LITROS

DE AUGA

Os aceites son graxas de orixe animal ou vexetal que logo de seren usados no cociñado de alimentos, son desbotados. Un dos erros máis comúns é tiralo polo fregadeiro, algo que perxudica gravemente ao medio ambiente.

Na actualidade existen diversas opcións para reciclar o aceite usado. A máis sinxela é almacenar o aceite frío en botellas de plástico que logo tiraremos ao colector laranxa. Outras das formas de reciclar o aceite é fabricando con el xabón, co que poderemos lavar a roupa.